Zapatos e flores. Fotografando Á marxe

IMG_2019ZAPATOS E FLORES

O domingo pola mañá, bastante cedo, moito antes de que comezase o día, estiven escoitando a radio, a verdade é que sen prestarlle demasiada atención, pois resultaba máis entretido oír o peteirar nervioso da chuvia no cristal da claraboia, coma se fose unha galiña xigantesca e prehistórica, que as noticias, repetidas por sexta ou sétima vez desde que acendera o aparato, sobre a voda e os acontementos do día anterior en Barcelona. A voz dos locutores chegábame, polo tanto, coma un rumor apagado, case inaudible.

De pronto, houbo algo que me chamou a atención: estaban falando dos cambios no clima e da posibilidade de que estas alteracións que se están producindo poidan provocar nun futuro non moi lonxano enfermidades descoñecidas en Europa, como o paludismo ou a febre amarela. Desde ese momento, escoitei con interese.

Era un programa sobre ecoloxía e medio ambiente, moi ben feito. Entre outras cousas, falaron duns zapatos ecolóxicos qu acaban de saír á venda, fabricados por unha empresa alemá, coa aprobación dos movementos Verdes. Facían propaganda deles con argumentos científicos, non demasiado convincentes. Houbo un momento, non obstante, en que me convenceron da súa bondade e decidín mercalos cando os vexa. Polo visto, segundo contaban, se un mete na terra estes zapatos, pode saír unha flor. Con iso, abonda.

Luns, 6 de outubro

Fotografía: Nuria González Fontán

Advertisements

Os comentarios están pechados.