Diversións inocentes. Fotografando Á marxe

 

 

Fátima Guisande IMG_2021

DIVERSIÓNS INOCENTES

Arredor da catedral de Guadalajara, na parte histórica da cidade, onde se conservan os mellores edificios da época da colonia, hai unhas prazas enormes. Milleiros de persoas ocupan o seu espazo e convértenas nun lugar de descanso e diversión. Son diversións baratas, case inocentes. Hai a sorte do paxariño, saltimbanquis, charlatáns que predican contra o señor cardeal, músicaos e cantantes, vendedoras de auga con xeo e, sobre todo, globos, motísimos globos de colores para os nenos.

En xeral, arredor de cada un destes pequenos acontecementos xúntanse multitudes. Mentres observan, teñen a mesma cara que se estivesen no cine ou no circo. Parecen contentos e sempre se amosan educados: dan as boas tardes aínda que non coñezan. Claro que tamén sacan de pistola con facilidade. Todos os días hai tiros.

Onte comín na residencia do cónsul xeral de España, o meu amable anfitrión, nunha terraza preciosa que semella un xardín tropical. Á parte do xantar en si e da conversa, chea de enxeño, pois el é un home moi simpático, a velada tivo o aliciente, para min inesperado, de que vin por primeira vez un colibrí. Andaba revoando sobre unhas flores, chuchando nelas. Tívome fascinado durante horas. É un paxariño gracioso, cun pico longo e un corpo diminuto, fermosísimo. De maneir aque eu tamén me divertín con pouca cousa.

Martes, 24 de xuño

Advertisements

Os comentarios están pechados.