Narrando imaxes

Fotorelato_Marta_AlonsoKristina colleu a fotografía con delicadeza. Xa non se lembraba da súa existencia. Levaría agochada naquel baúl…canto? Dez anos? Pode que máis. Os recordos comezaron a amorearse na súa memoria. Carlos adoraba os trens eléctricos. Pasaba tardes enteiras colocando as minúsculas pezas no lugar adoitado ata conseguir réplicas exactas dos máis marabillosos trens. As maquetas foran unha segunda infancia para Carlos, ou quizais impediron que chegara a abandonala nunca. Esa maqueta, a da fotografía, foi a máis grande e perfecta que xamais realizara o seu home. E foi por iso, sumado á gran paixón de Carlos pola fotografía, polo que nada máis colocar a última peza pediu emocionado á súa muller que trouxese a súa cámara.
– Kris, ponte alí…un chisco máis a esquerda…para. Vese ben?
– Perfectamente.
Non miraba á cámara. Ao mellor estaba a pensar na maqueta ou quen sabe que. Kristina apertou a imaxe contra o seu peito. Agora, oito anos despois da morte de Carlos, a maqueta durmía na casiña do xardín, xunto á Harley que, ás veces, montaba baixo o sol do verán.

Marta Alonso Rodríguez 1ºE

Advertisements

Os comentarios están pechados.