CAVILANDO: O XUDAS / EL JUDAS

COMENTARIO DE “O XUDAS”/ “EL JUDAS”, de Carlos Casares

Dúas obras homólogas. Distintas linguas. O mesmo autor.

Isto foi o que fixo o sonado escritor Carlos Casares: escribiu unha colección de relatos en galego que máis tarde traduciría ao castelán. El, si, el. Preferiu remendalas el no cambio de idioma, como ben sabemos, con moitos matices dispares. E, neste relato en concreto, moito se diferencian estas dúas linguas cooficiais. Sendo o argumento, a trama, o espazo e o tempo iguais, o xeito de nolo amosar presenta múltiples desemellanzas. Nas oracións, por exemplo. A meirande parte das oracións en galego son curtas e sinxelas, parco en nexos. Non soen ir máis aló dunha liña. Se ben, esa concesión transmite perfectamente ao lector ―cando menos a min― sensacións diversas. Malia habituar ser simples, conteñen moita expresividade e a “lectura entre liñas” é un factor clave a ter en conta cando tes este relato enfronte. Cada oración, entre próximos puntos, achegaun ladrillo para construír o muro. Porén, en castelán varía moito este aspecto. As oracións adoptan a composición con abundantes conectores (comas, nexos) conseguindo unha comunicación máis fluída, sen tantas pausas e con maior adxectivación, normalmente.

Aínda que pareza estraño, Carlos Casares cambia moito este relato. Non só no modo de relatar, senón tamén na distinción de frases. É dicir, dun idioma a outro varían, cambian rotundamente ou mesmo non existen! Comprobémolo: En “O Xudas” cítase que Tomás lle dixo a un garda “¡Viva la igualdad!”, mentres que en“El Judas” refírese ao garda dicíndolle “¡Viva la República y me cago en los cojones del rey de Portugal!”1. O mesmo sucede con algúns parágrafos. A perspectiva cambia, pois no galego, a min, dáme unha sensación de proximidade, grazas á sinxeleza, mentres que no castelán acentúase ese narrador en terceira persoa, semella máis distante. Falamos de oracións simples e compostas, mais non tocamos as características dos verbos. Hai que estar atentos! O único que podo contrapoñer é que en castelán se empregan un chisco máis as perífrases verbais e que, curiosamente, non constan verbos compostos. Imaxino que será polo modo de expresarse en cada idioma, que lle atinxe máis un método que o outro, e o autor non querería empregar verbos compostos para non modificar tanto o seu relato.

1 Fixádevos na idea que tivo Casares para denunciar sutilmente a imposición do castelán e declarar os seus ideais republicanos. Evidentemente, o autor é máis expresivo e explícito cando traduce este relato, posto que, falando historicamente, pasou dunha ditadura a unha democracia. E na democracia hai liberdade de expresión. Non?

Xa de paso que temos aquí os verbos, comprobemos as posicións dos pronomes. En galego moitos pronomes únense ao verbo, exceptuando, por exemplo, casos nos que haxa un adverbio, conxunción, … antes ca este. E como analizamos antes, a sinxeleza en galego é fundamental. Así podemos pensar que Carlos Casares empregue moitos puntos para que os pronomes se poidan unir aos verbos e conseguir un dobre caso de facilidade comunicativa: pronomes enclíticos (tranquilos, non é unha doenza iso de enclítico, chámanse así). Se lemos o relato en castelán, iso dálle igual;

abundan os pronomes proclíticos. Por que? Mentres que en galego os do primeiro tipo son comúns, en castelán custa máis conseguilo, e para unha boa expresión cada un débese adaptar ás normas lingüísticas máis usadas. Se o autor se quentase a cabeza por conseguir pronomes enclíticos en castelán non conseguiría máis semellanza ao galego, senón que para nós, bilingües, sería estraño lelo.

Isto parece o xornal xogando as diferenzas! A ver, a ver… Atopei outra! O vocabulario! Algúns exemplos para que quede claro:

En “O Xudas”: “Ao rematar pasaba a pucha e botábanlle unhas cadelas. Tamén sabía dous contos: o do crego e a pita e o do neno parvo”.

En “El Judas”: “Al terminar pasaba la gorra y juntaba unas pocas monedas. También sabía contar dos cuentos: el del cura y la gallina y el del niño tonto”.

Máis claro, sol. Non escribe nin máis nin menos culto nun idioma que noutro, nin se corta en disimular a linguaxe. En galego dise “cadelas” e en castelán “perras”, despectivo usado para denominar as moedas. Neste caso optou por escribir “moedas”, mais non se cortou nada en dicir “¡Viva la República y me cago en los cojones del rey de Portugal!”. Como xa citamos anteriormente, en galego non é así. Parafraseando, a tradución non se fixo automaticamente despois de escribir o orixinal, senón cando Carlos Casares gustou, plasmando o que pensaba no momento e como o pensaba, non tradución literal. Por iso optou por empregar outras palabras do campo semántico, incluso as veces sinónimos, cos que conseguiu sementar dúas sementes (valla a redundancia) de rosas diferentes na mesma terra.

Por último, gustaríame citar unha curiosidade. Mentres que no relato orixinal algunhas frases están escritas en castelán, non sucede o mesmo á inversa. Por que? Decántome pola posibilidade de que mentres un lector da época que entendese o galego entendería o castelán, a un de polas Españas adiante non sucedería o mesmo; ou mesmo a obriga de narrar ou non, ou dun xeito e non doutro; durante o franquismo.

Definitivamente, Carlos Casares o que pretendeu en todo momento foi, dende unha mesma trama argumental (tanta como poida ter un relato desta magnitude), evolucionala cara a cada lingua o mellor posible, facendo os arranxos oportunos e escribindo co seu estilopersoal. Non se poden empregar os mesmos planos para construír unha ponte no Misissippi que no Nilo.

Xian Faro. 4ºESO

Advertisements

Os comentarios están pechados.